Friday 17 de May de 2024

Sete grupos residentes dos locais de ensaio do Centro Xove mostrarán o seu talento no II Festival Lanzadeira CX


A praza 8 de Marzo acollerá o próximo sábado o II Festival Lanzadeira CX, un concerto que tén como obxectivo darlle visibilidade ás bandas residentes dos locais municipais de ensaio do Centro Xove da Almáciga. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, presentou o cartaz, do que forman parte sete grupos “integrados por xente moi nova, de estilos diversos, e todos eles cun enorme potencial”. María Rozas estivo acompañada polo docente responsable do Lanzadeira, Guillermo Vistoso.

O II Festival Lanzadeira CX permitirá que sete grupos mostren os resultados de catro meses de residencia nos locais de ensaio do Centro Xove de Creación Cultural, recibindo formación específica de cara a profesionalizar o seu traballo. O concerto ao vivo é, tal e como sinalou María Rozas, “o colofón do programa, e supón para estes artistas novos unha experiencia única de contacto directo co público”.
No concerto do sábado, con entrada libre, participarán sete grupos de diferentes estilos e traxectorias: Abella, Boa Sunet, Filloas, ULEX, Liskadakí, Termotalina e Killo Karallo. Esta última é a formación que tén unha máis longa vinculación ao Centro Xove da Almáciga, e, cun EP editado, mostra un proxecto musical sólido e xa profesionalizado. Tamén Liskadakí, formada por cinco rapazas novas, leva anos utilizando os locais de ensaio e mostrando un gran potencial, mentres que Abella e Boa Sunet veñen de iniciar a súa relación co Centro Xove de Creación Cultural.

Guillermo Vistoso explicou que Lanzadeira é “un proxecto integral, no que durante tres meses as bandas reciben formación sobre cuestións estritamente musicais, pero tamén sobre trámites administrativos como os procedementos de contratación ou a organización de concertos”. O festival do sábado, apuntou, “é o gran peche a este programa, no que participaron sete grupos de estilos moi diferentes, desde o acústico ao rock”.

María Rozas lanzou un convite a todos os veciños e veciñas para que asistan ao concerto do sábado, que tamén será gravado e retransmitido a través de youtube. A concelleira incidiu en que “o festival é unha gran oportunidade para reivindicar o noso talento local e o potencial de bandas que hoxe precisan esta axuda municipal, e que ogallá moi pronto poidan estar actuando noutros escenarios e noutras prazas, sendo parte da programación cultural e festiva de Compostela”.

O Centro Xove de Creación Cultural conta con tres locais de ensaio dotados con todo o equipamento necesario, desde batería ata amplificadores, pasando por micros ou mesa de mesturas. O seu uso é de balde para as bandas, previa reserva, e na actualidade son 24 os grupos residentes. Ademais, nas instalacións da Almáciga hai tamén un estudo de gravación para que as bandas residentes poidan realizar as súas demos e maquetas, e unha sala con escenario, caixa negra, e equipos de son e iluminación, para que os grupos completen a súa formación.